Lúa minguante

Noite pálida de lúa,
que se encolle,
noite, de lúa nacarada
que quere acocharse.

Lúa dunha albura que
case ofende por parecer pura
lúa que avergoñada,
tenta de agacharse tras unha nube.

Mais é a súa luz a que
alumea a noite,
a que a escuras aluma
a este mundo que xira,
facendo que aínda en sombra,
podamos ver as cores.

É ela quen nos mostra
a ringleira de estrelas,
a que arrola o sono
dos pequenos,
ou a que aloumiña
o amor dos maiores.

É ela a que move
a pluma do poeta,
para poñer en letra
o que a súa luz mostra.

Un camiño, un cantar



A túa verea pola vida está marcada tempo hai,
busca seguir paso a paso, non teñas presa ao andar,
que este po do camiño que agora se arremuíña
antes foi terra pisada polos pes do que camiña.

No teu percorrer pola vida, de todo vas atopar,
mais has de seguir adiante procurando non parar,
que este po do camiño que agora se arremuíña
antes foi terra pisada polos pes do que camiña.

Se atoparas un estorbo, unha dubida ou quizais
algo que te retrasa, ten paciencia e segue xa,
que este po do camiño que agora se arremuíña
antes foi terra pisada polos pes do que camiña.

Levanta o vo e non te aflixas polo que deixas atrás,
noutro tempo nosoutros o temos feito igual,
que este po do camiño que agora se arremuíña
antes foi terra pisada polos pes do que camiña.

E se atopas un río o que tes que atravesar,
intenta alcanzar unha ponte aínda que leve máis alá,
que este po do camiño que agora se arremuíña
antes foi terra pisada polos pes do que camiña.

Orballo



Qué  pode tranquilizarme máis que ti.
Reláxasme de tal forma que con un sorriso
podo enfrontar os meus problemas,
chegas tan silenciosa que non te escoito
e nembargante déixaste notar deseguida,
asumo a túa presenza permitindo que me invadas,
que me enchas,
a sabendas de que debo alongarme de ti
e tan só cando esvaras por riba de min,
cando empapas as miñas roupas,
déixote para eliminar os teus restos do corpo.
Porque ti, orballo que fecundas as terras,
que mollas sen facerme dano,
es parte do lenzo que mostra a miña terra,
es o frescor da miña face que evita as bágoas,
es a auga que acaricia,
a que convida a lavar as estatuas,
capaz de chamar ao sol, como pedindo perdón,
por levar a calma a os humanos.

Sen luces





A noite aínda sendo escura,
non ten por qué ser negra,
segue sendo azul enriba do deserto,
enriba da inmensidade do océano,
é azul en calquera parte.
Mirádea cando o raio a ilumina,
cando a luz dos astros pinta o ceo.
Mais cando deixamos pasar o tempo,
fáísenos de noite e escurece,
cando algo rebordou a medida do que aprecias,
fíxoseche de noite antes de tempo
e xa non aparece a esperanza dun amencer.

Mentres xa se vai o día



Sempre te fas de rogar e
esperas a que eu te chame para dicirme

esa frase que tes preparada,

“agora mesmo ía chamarte eu”

ben, pois hoxe non te chamo, a ver qué pasa.

Distráiome co ordenador ,

escaravellando no cosmos cibernético

e quédome cas magníficas paisaxes

que as miñas xanelas me brindan:

o sol que se ve fuxir a través do estor,

coma un faroliño chinés ao lonxe,

os maxestosos eucaliptos míranme

desde a súa altura sen mover unha folla,

os paxaros que nesta hora xa non trinan

pasan veloces buscando o seu dormitorio e

os felinos amigos desfilan cara ao seu.

Vou prender as luces para que a lo menos

os ollos do corpo poidan ver algo e iluminen ao cerebro.

Xa non hai dúbida, algo fixemos mal

para que teñamos que andar mendigando

un pouco de cariño ou tan so un pequeno recordo,

aínda que tal vez sexa mellor pasar desapercibido.

Certo, son feliz pensando que non ocupo espazo

na memoria de ninguén e que non molesto.