Son coma unha esponxa tirada na charca onde
se xuntan todos os líquidos que nos sobran aos humanos,
e algún que outro sólido abandonado polo seu fedor,
absorboo todo e así estou de mollada e cheirenta,
levo enriba sangue das mulleres
sacrificadas pola relixión,
pola incomprensión, pola marxinación
ou pola lei do máis forte.
Levo suor dos homes que se mollaron
moitísimo loitando polos seus dereitos,
pola súa liberdade, ou pola xustiza.
Tamén levo bágoas de mulleres e homes
que verteron polos seus fillos,
polos seus pais ou por algún familiar
morto inxustamente en crimes,
accidentes ou guerras de difícil xustificación.
Ademais estou enzoufada de defecacións dos medrosos
e dalgún óso podre das vítimas esquecidas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario