A sorpresa dun encontro



Sorprendeume verte recostada no peitoril do tempo
sen que este deixara pegada tráxica no teu rostro,
coma se se detivera para admirarte
e adorando o teu perfil non melara esa liña.

Non valoro a falta de impulso que che negou a miña presenza
ao descubrirme tan preto sen contar comigo,
aínda así a túa reacción posterior colmou o meu gozo
e fixo que a miña timidez volvérame tatexo.

O meu encontro contigo onte,
foi coma furgar na despensa da vida
atopando no recordo o cariño durmido,
debullando os días felices vividos entón.

O amencer tróuxonos a dozura do momento
co brinde unísono das caricias,
coa confidencia propia do cómplice
que máis que falar susurra ao oído tenruras.

Mirar os teus ollos foi coma ver anacos de ceo sen nubes,
foi sentir o latexar dunha ánima limpa,
afundirse no pracer do paraíso
concentrado no amor infinito.

No hay comentarios: